Agradezo e recibo este tributo nun lugar, no Teatro Principal , onde estades o público que sempre mirou a primeira proxección das miñas películas. Aquel que ,en 2004, cando presentaba SL, escoitoume citar a Gil de Carvalho, un poeta portugués que califica a literatura chinesa como unha mistura de poesía, documento e reflexión históricamentres expresaba que era o cinema que quero facer, o que me trouxo ate NACION, unha película de “mulleres valentes que amosan os dentes” . Síntome honrada de que vola presente CINEUROPA, un festival que acolleu e aloumiñou o cinema en lingua galega, o que nos une cas cinematografías independentes, diferentes, situadas, que sobordan a cerca.
Acompáñame Mercedes Peón, a creadora desa banda son que respira con toda a película; e tamén unha parte do equipo que traballou na produción e na posprodución do filme -Anxos, Berti, Marcos , Olaia… ou Monica de Nut, Xoana Pintos, Mónica Camaño… as actrices. E está connosco Nieves Lusquiños, a traballadora da Pontesa que nos leva canda ela da man por NACION.
So busco un sitio onde pousar a cabeça, este aceno tan simple, deixar que o teu corpo se conecte con outro corpo é o verso de MAPina que terma do filme. Porque en cada peza de arquivo, en cada secuencia, en cada unha das personaxes resoan todas as outras e latexan ecos do cinema feminista, non porque a película a faga unha muller ou o seu tema sexan as mulleres, senón por unha política de mise-en-scène que sitúa na cerna a experiencia das traballadoras dun mundo que se chama A Pontesa a se conectar con sinais que, dende a noite dos tempo, nos explican. Desafiamos os límites coa voz, co recordo, co corpo, cos vestixios, co son, con todo o que fora borrado… a través da construción de imaxes que liberan. Para saber cómpre imaxinar e Imaxinar o porvir, tamén do cinema, precisa da memoria, do corpo en movemento, da reivindicación de clase que se inscribe nesta obra.
A esfinxe, esa figura mitolóxica tan temida, dínolo a comén do filme: … apagar a escuridade. Para ver pasar esa estrela filante mentres ollas para o ceo negro, a pantalla, que se ilumina para ti, por un instante.