Hosting por logo-color-grande

margarita ledo

Escritora e cineasta, é catedrática de comunicación audiovisual da usc. Da súa novela Porta Blindada (Edicións Xerais, vigo, 1990), devén a personaxe masculina de A cicatriz branca (Galicia-Argentina, 2012), a súa primeira película de ficción, un filme feminista que contou cunha axuda do icaa e do Instituto de la Mujer. Investigadora e autora de otras sobre cinema autoral como Cine de fotógrafos (gg, Barcelona, 2005), premio «Espais d’Art Contemporani» o de ensaios como El cuerpo y la cámara (Cátedra, Madrid, 2020), a súa vertente experimental está en curtas que forman parte da programación do Festival de cine periférico S8 (Illa, 2009; A auga branca, 2019) para alén de Cienfuegos, 1913 (2008) para a Feria del Libro de La Habana ou Groenlandia (2018) para o Festival de Poesía «Alguén que respira».

Entre outros festivais (DocsLisboa, Málaga, Babel…), en 2012 o de Douardenez, exhibe as longametraxes Santa Liberdade (Galicia- Brasil-Venezuela, 2004) e Liste, pronunciado Lister (Galicia, 2007) e no 2017 o festival internacional DocumentaMadrid dedícalle unha retrospectiva so a marca da utopía e as errancias do século xx.

No ámbito do cinema militante é produtora executiva de cccv, 2005, de Ramiro Ledo Cordeiro e autora de curtas como Lavacolla 1939 para o filme colectivo Hai que botalos! (2006). É autora, asemade, de obras de factura cultural e social coma a mediametraxe Apuntamentos para un filme (2012), incluída nos programas da Secretaría Xeral da Igualdade; Manuel María: «eu son fala e terra desta miña Terra» (2005/2016), ou a peza Bucle, para o libro-cd «Herdeiras» de Carmen Penim.

Dirixe o Grupo de Estudos Audiovisuais e a serie «Para unha historia do cinema en lingua galega», con tres volumes xa publicados pola editorial Galaxia: Marcas na Paisaxe, 2018; A foresta e as ás árbores, 2019; De illas e sereas, 2020. A súas liñas de pescuda traballan a produción e acceso a bens culturais dende a diversidade e as políticas de comunicación e as teorías feministas nos universos da creación e a expresión. Dirixe o proxecto de i+d+i Patrimonio Cultural Inmaterial: Para un programa europeo de subtitulado en linguas non-hexemónicas, que é continuación do que finalizou en 2015: Cara ao espazo dixital europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal. É Premio Nacional da Cultura Galega 2008 en Cine e Audiovisual, Premio Otero Pedrayo 2017, Premio Cineuropa 2020 e membro da Real Academia Galega.